venres, 12 de xaneiro de 2018

As nosas investigacións

P1180774

( Pozo negro )

Na actualidade vemos que non ten moita superficie e presenta  pouco fondo. Antes de coller a auga, convén remexela ben cun carabullo para que se  mesture e xa podemos encher o noso caldeiro ou botella con todos os pousos. Queda da cor da cinza e o máis característico é o seu olor desagradable. Cóntannos uns veciños que viven moi pretiño, que se debe recoller cando non chove, porque de inverno vaise enchendo o pozo da auga da chuvia e non ten tantas propiedades. Disque no mes de  agosto é o mellor momento.


Aínda hai xente que vai buscar auga ao pozo negro; de feito había alí un botella tirada e un carabullo axeitado para remexer. Por certo, é unha mágoa que se guinden botellas de plástico polos arredores. Menos mal que só había unha!


pozo negro

(O pozo está situado xunto a uns eucaliptos que se ven ao fondo)

O POZO NEGRO


Unha alumna do centro, recompilou a seguinte información que lle foi contando súa avoa:


“Estaba situado nunha finca da  Braña, preto do colexio de Rus, na pista que vai cara O Pego. As donas eran dúas irmáns da Canosa.


O pozo era moi ancho, pero non era demasiado fondo. Collían ata sete persoas bañándose, máis ou menos. A auga era beneficiosa para curar moitas doenzas, como a artrose, reuma, problemas da pel … Había tamén varias fontes arredor do pozo;  botaban unha auga que a xente bebía porque seica era boa para enfermidades do estómago, como as úlceras.


Viña xente de moitos lugares. Na casa da miña bisavoa paraba a xente de pousada. Poñíanlle un colchóns  de carrupas de millo e a xente durmía neles. Botaban alí a ta quince días, para ir aos baños diariamente.


Na casa que hai xusto no cruce que vai para o colexio tiñan unhas “tinas” longas de madeira. Ían buscar no carro uns bidóns grandes de auga, quentábana e botábana nas tinas. A xente bañábase nelas.  Miña avoa acórdase dun neno de oito anos que non podía andar e despois de bañarse quince días no pozo, saíu andando. De maior, viña buscar garrafas de auga para bañarse na casa. Tamén os veciños da parroquia ía buscar auga con caldeiros para bañarse.


Miña avoa di que cando lavaba a cara nesa auga, quedáballe a pel fina coma a seda.


Naqueles tempos había en Carballo outro pozo, que hoxe en día é un balneario.


Meu bisavó tiña unha finca cerca do pozo negro e sacaba barro para ver se saía auga do pozo. Pero nunca saíu”.


O EDLG, recolleu algunhas testemuñas máis. Unha señora comentou: “ Eu tiña varices, e lavei as pernas con estas augas durante varios días, e pasáronme, só me quedaron as marcas. Tamén é boa para  a erisipela. Dique tamén hai xente que a bebe.


A auga hai que collela remexendo un pouco e vólvese negra. Ule mal,  como as do balneario de Carballo.


Se se aplican estas augas, durante nove días non se pode comer peixe, porque lle é contrario”.


 

domingo, 7 de xaneiro de 2018

As nosas investigacións

pedra sadurniño

PEDRA DO CU

“En San Sadurniño, hai unha igrexa, chamada  dos Milagres. Alí, ao seu carón, hai unha pedra no adro, que segundo conta a lenda, se unha persoa que teña “almorranas”, se senta nela, pásanlle”.


 

LETRAS GALEGAS 2024

Achégase o 17 de maio, o Día que se celebran as Letras da nosa Lingua. Este ano dedícanselle a Luísa Villalta. Imos a coñecela un pouco: ...