luns, 27 de abril de 2020

Máis contiños...

Este ano, non queda outra que adiar o Certame Literario e a celebración do día das Letras Galegas. Aínda así, iremos publicando algunhas das vosas producións literarias e artísticas neste blogue ou no de Leoteca. Deste xeito, poderedes ler as vosas creacións e as dos vosos compañeiros/as que estivestes elaborando na casa, coa axuda da familia.

O  LOBO E O BOSQUE OCULTO


Era unha vez un lobo que vivía no bosque no que o trataban mal. Así que un día o lobo dixo: ” Vou avisar ao meu amigo raposo para que me dea o mapa do bosque oculto”. E así foi.


Cando chegou á casa do seu amigo , o lobo pediulle o mapa do bosque e o raposo preguntoulle se quería marchar daquel bosque. O lobo díxolle que si.


Pasou por montes, ríos, mares, montaña, acantilados... Despois de varios días de camiñar, encontrou o bosque oculto.  Alí había de todo: moitos tipos de animais, flores, árbores, arbustos, moitas comidas diferentes, moita auga e fervenzas.


Aquel sitio era todo un paraíso. Desde aquela, non o volveron a tratar mal.


                                                                                                                      A.C 3ºB


                                         O NENO QUE QUERÍA SER CAZADOR

Érase unha vez un neno de nove anos que tiña unha gran ilusión: ser tan bo cazador como o seu pai.


Por iso, un día pola mañá que quentaba moito o sol, díxolle ao seu pai:




  • Papá, quero que me ensines a colocar a escopeta e a tirar ben!

  • Para que queres aprender a tirar ben?- preguntou o pai.

  • Para ser mellor cazador ca ti- contestou o neno.


Entón o pai sorriu e dixo:




  • Para ser un bo cazador, o mellor é ter uns bos cans.


O neno, mo ledo, preguntoulle ao pai:




  • Papá, daquela mércasme dous cans?

  • Pois claro que si, fillo!


O neno, que xa tiña pensado que cans quería, dixo:




  • Quero dous galgos!


Ao día seguinte, o pai sorprendeu ao neno con dous cans.




  • Hurra! Hurra!- berraba.


O neno chamoulle ao can Falco e á cadela Laica.


                                                                     A.M.3º 3ºB

O CAMBIO DE LUGAR


Había unha vez unha nena chamada Marta que vivía en Madrid. Súa nai collera traballo en Carballo. Marta estaba contenta e triste á vez porque ía separarse dos seus amigos. Os pais tomaron unha decisión: trasladaríanse á vila de Carballo. Cando acabaron de facer as maletas, foron ao aeroporto e despegaron.


A nai tiña unha habitación reservada nun piso. Despois de desfacer as maletas e o pai foi con Marta a matricularse nun colexio.


Ao día seguinte, Marta xa foi ao novo cole. Había unha nena que se chamaba Laura  que se metía con todo o mundo e con Marta tamén.


Marta contoullo a seus pais, e estes foron falar coa directora. A directora castigou a Laura e esta aprendeu que non é bo meterse cos demais e que non debes facerlle a ninguén o que non queres que che fagan a ti.


C.P. 3ºB


DÚAS BOLBORETAS


 Érase unha vez …dúas bolboretas voando no xardín.  Un día encontraron unha flor máxica. Era moi fermosa!  Puxéronse enriba dela e… xa non estaban no xardín! Estaban nun mundo máxico cheo de cor!


Encontraron nese novo mundo moitas fadas que voaban entre  po máxico. As plantas eran máis grandes que no noso mundo. Todo era moito máis grande!


As bolboretas voaban entre as fadas e o po máxico. Xogaban ás agachadas, a saltar no pole de cada flor como se fose un colchón… O tempo parecía que non pasaba!


Cansadas, as bolboretas decidiron descansar sobre o pétalo dunha rosa. Desde alí observaban o baile espectacular das fadas. Este mundo estaba moi ben, pero xa era hora de volver á casa.


Buscaron a flor máxica que as trouxera a este mundo máxico para que as devolvera ao mundo real.


O mundo real era menos máxico, pero era aquí onde estaba a vexetación  e os animais que as bolboretas coñecían.


C.S. 3ºB

mércores, 22 de abril de 2020

LUZ POZO GARZA ( 1922-2020)

[caption id="attachment_536" align="alignnone" width="610"]RETRTA LUZ POZO. Retrato de Luz Pozo, por J. Figueroa[/caption]

Algo da súa biografía... 


Luz Pozo, “unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX", segundo destaca a RAG é autora dunha importante obra bilingüe en español e galego, que se estende entre 1949, ano en que publicou o seu primeiro libro Ánfora, e  2019, no que apareceu o seu derradeiro libro, Pazo de Tor, unha viaxe á infancia.


 A escritora naceu en Ribadeo, Lugo (21 de xullo de 1922), onde viviu durante a súa infancia, alternando coa localidade veciña de Viveiro. Dúas mulleres tiveron importancia decisiva na súa formación: a súa tía paterna,  iniciouna no coñecemento do galego, e súa nai, Luz Garza Feijoo, muller cunha cultura moi superior ao común da  época, que alimentou na súa filla o amor pola poesía e outras artes, en particular a música e o debuxo, animándoa a cursar estudos de piano e solfeo.


No ámbito da literatura galega, a autora pertencería á que Méndez Ferrín denomina “Promoción de enlace”, que foi a responsable da renovación e actualización da poesía galega despois do franquismo.


Ao  estalar a guerra civil, o pai de Luz (Gonzalo Polo y Pozo) foi detido por pertencer á Esquerda Republicana e destituído do seu cargo de inspector veterinario, o que decidiu o traslado da familia a Lugo, onde estaba preso. A pegada da guerra no ánimo da escritora foi moi profunda, marcada pola prisión do pai e pola morte na fronte de Jaca no ano 1939, do seu único irmán, Gonzalo de 20 anos. A el ía dedicado o seu poema “El soldadito”.


En 1938,  a familia  trasladaríase a vivir a Marrocos, regresando a Viveiro en 1940, liberado o pai e rematada a guerra.


En 1944, Luz Pozo casou con Francisco Vázquez Ramudo (licenciado en Ciencias Químicas), propietario da academia “Minerva” onde ela estudaba bacharelato. Máis tarde culminaría estudos de Maxisterio e, posteriormente, de  Filoloxía Románica e aproba a oposición a profesora de instituto. Ten tres fillos: Gonzalo, Mónica e Luz.


En 1946 comezou unha relación epistolar co poeta Eduardo Moreiras Collazo, a quen coñeceu en 1948 e con quen viviu  unha intensa relación amorosa que só en 1980 puido formalizarse en Vigo. Esa relación clandestina de máis de trinta anos, deixaría unha profunda pegada na obra dos dous escritores.


Dedicouse profesionalmente á ensinanza como catedrática de Lengua y Literatura Españolas, profesión que exerceu ata 1987, ano da súa xubilación no instituto de Nigrán. Consolidou unha importante traxectoria como ensaísta: os  traballos sobre Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, Rosalía de Castro,...así o demostran. Desde o seu retiro das aulas residía na Coruña.


Fundou a revista Nordés e é promotora da revista Clave de Orión.


A súa obra poética conta cunha extensa produción, que desde 1976 é maioritariamente en galego. Memoria solar, no 2004, reúne esta poesía.


Luz Pozo Garza finou este luns 20 de abril, na Coruña aos 97 anos de idade. Foi membro da Real Academia Galega, ocupando entre 1997 e 2001 a vicesecretaría.  


No seu 95 aniversario, a RAG publicou Un pozo de luz, unha homenaxe colectiva á autora. Publicou máis de quince poemarios e media ducia de ensaios, ademais de múltiples colaboracións en obras colectivas. A súa produción poética en galego abrangue case 70 anos. 


A  RAG destaca que a poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía ou Medea en Corinto. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir", subliña a Academia.


OBRAS:


Poesía: Ánfora (1949), El vagabundo (1952), O paxaro na boca (1952), Cita en el viento (1962), Últimas palabras/Verbas derradeiras (1976), Concerto de Outono (1981), Códice Calixtino (1986). Consagración de Trasalba (1989), Prometeo a flor de loto (1992), Vida secreta de Rosalía (1996), Medea en Corinto (2003), Sol de medianoche (2013).

Ensaio: A bordo de Barco sin luces ou O mundo Poético de Luis Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro: Herba aquí ou acolá (1991), Galicia ferida: a visión de Luis Seoane (1994), Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo (1996), Tres poetas medievais da ría de Vigo (con H. Monteagudo y Xosé Mª Alonso Montero) (1998).

Fragmento de 'Cantiga para ler en tempo de penumbra' (Códice Calixtino, 1986)


 







 

Cae unha folla intacta coma laio
talvez volver os ollos a contemplar o tempo
bailar corpo belido
no centro da mudanza onde o mar é levado
e non saber a forma precisa da demora:
E ai Deus se virá cedo!

 
 

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro para se tornar caricia
e bañarse nas ondas
nas mesmas vivas aguas da existencia
sílabas delicadas ausencias repentinas
a se perder no reino do lamento:
E ai Deus se virá cedo!

 

 

 

 

 

xoves, 16 de abril de 2020

"CONTOS FEITOS NA CASIÑA"

Este anos toca deixar para máis tarde a celebración do CERTAME LITERARIO,  que faciamos coincidir coa festa das Letras Galegas.  Aínda así, utilizaremos este blogue para publicar algúns contiños que están escribindo os nosos alumnos/as na súa casiña, coa axuda da familia. Aí vos vai algún!

O GATO COCIÑEIRO


Había unha vez un gato moi bonito. Era branco como a neve, cunha  manchiña de cor negra no ollo dereito. Vivía preto da miña casa. Era un gato moi listo. Gustáballe moito cociñar e facía unha comidas que estaban de rechupete.

Sabía facer de todo: empanada, tortilla, freixós, caldo…E de sobremesas, todo o que lle pediras: tortas, flans de ovos, biscoitos, etc

Estaba chegando o santo da miña avoa e queríalle dar unha sorpresa. Pero eu non  sei cociñar! Entón pensei:” Vou falar co gato cociñeiro.El seguro que me pode axudar”

Pois aló me boto na súa casa e conteille o que me pasaba. O gato cociñeiro díxome: “Non te preocupes. Vouche facer unha gran torta de amorodos”

Os dous xuntos levámoslle a torta á miña avoa. Ela quedou tan contenta que choraba de alegría.

ND 3º


UN HOME MOI RARO


Érase unha vez un home malhumorado e maniático. Sempre tiña que levar posta a roupa de cor azul; usaba gorro de la grosa verán e inverno e polainas subidas ata as coxas porque tiña medo de enfermar. Non falaba con ninguén porque despois escocíalle a lingua, ou iso pensaba el. Ademais, tiña outras moitas teimas: non saía da casa se chovía ou se quentaba o sol, non comía ata a noite para non se indixestar, bebía a grolos pequenos para non se atragoar e moi pouca cantidade, non fose afogar.


Gustáballe pouco traballar, pois era moi lorchán. Ofrecíanlle moitos traballos pero ningún lle chistaba: odiaba madrugar, non quería luxar as mans…Botaba todo o día deitado no sofá e comendo lambetadas.


Chegou un día no que xa non lle quedaban cartos, porque xa gastara todos os aforros. Agora si que tiña que buscar un traballo e pensando, pensando, ocorréuselle facerse ufólogo. Só tiña que mirar pola ventá a ver se pasaba algún extraterrestre. Ese si que era un traballo relaxado e, por riba, ben pagado!


PF 3º


A VITORIA DE XOÁN


Érase unha vez un neno chamado Xoán. El era moi bo xogando ao fútbol e gañou unha beca para ir xogar a outro país. Chegou a un equipo de Francia chamado Jaccio. Aos pais gustáballes moito a idea de que fora estudar a outro país, aínda que el non estaba moi convencido. Aínda así, toda a familia se trasladou a Francia.


Xoán empezou noutra escola pero non se atopaba moi ben. A xente era diferente, non conseguía facer amigos e os do seu equipo non o trataban ben (non lle pasaban o balón e mofábanse del cando cometía un erro). Estaba convencido que se demostraba o ben que xogaba, aceptaríano mellor, así que puxo todo da súa parte para mellorar.


Un día, nun partido, xogando contra un equipo moi forte, empezaron moi mal, perdendo 0-2. Xoán estaba desesperado porque ninguén lle daba pases. Así que decidiu roubar un balón e chegou con el á portería contraria marcando un gran gol. Os compañeiros do seu equipo quedaron abraiados e comezaron a darlle pases. Conseguiu marcar catro goles máis e gañaron o partido.


Desde ese día, Xoán xa ten amigos que o queren e respectan e forman un gran equipo.


AL3º


O COELLO DE PASCUA


Había unha vez un coello que agochaba ovos de chocolate. Un día, foi esconder os ovos na casa dunha familia moi grande. Había unha nena que nunca comía o ovo de chocolate; o único que lle importaba era coñecer ao coello. Xa era de noite e o coello empezou a esconder os ovos. Pero a nena non durmía e saíu da casa en silencio. Intentou encontrar o coello pero chocou contra un arbusto.


 - Aiiiiii!


Desde a ventá, berroulle súa nai:


-Marta, que fas aí fóra?


-Estou buscando o coello de Pascua- dixo a nena.


-Filla, se querías coñecelo, dixérasmo a min, aos teus irmáns, aos curmáns ou aos tíos, porque todos nós xa o coñeciamos. Faltas, ti, Marta. Vente, primeiro hai que chamalo.


-Coello, coello! Onde estás?


-Aquí detrás!


-Ola, coello! Chámome Marta Gómez, por se te asustei...


-Ola, Marta Gómez! Eu son o coello de Pascua e veño agochar os ovos. E basta de tanto falar! Veña, hai que buscalos! Encontrámolos, e, despois... a comelos! Chao! Ata o ano que vén.


MR3º


luns, 13 de abril de 2020

CAMISETAS CASTELAO

P1220444

En abril teríase que celebrar a Semana do Libro, en Carballo, na que tamén colaboramos todos os colexios da zona con diferentes achegas artísticas e literarias. O tema a tratar nesta ocasión era O HUMOR.


No noso centro decidimos traballar a polifacética figura  de Castelao, como escritor, pintor,  debuxante e humorista.


Centrámonos nos debuxos de Cousas da Vida. O alumnado de 5º e 6º calcou en camisetas brancas de algodón os debuxos que máis lles gustaron, cargados de humor pero non exentos de crítica social, que ás veces aos nenos lles custaba entender.


En xeral decantáronse polos debuxos protagonizados por animais.


Este traballiño, que lles está gustando moito, quedou inconcluso ao decretarse o estado de alarma o 12 de marzo e suspendérense as clases. Agardamos que se poidan expoñer no colexio cando retomemos a nosa actividade.

domingo, 12 de abril de 2020

LETRAS GALEGAS

A celebración do Día da Letras Galegas, trasládase ao 31 de outubro


               

[caption id="attachment_508" align="aligncenter" width="243"]descarga Carballo Calero farodevigo.es[/caption]
                                                                         

Este ano,  no Día das Letras Galegas, o 17 de maio, homenaxearemos a Carballo Calero, escritor e gran filólogo galego. Vexamos algo da súa biografía.


Ricardo Carballo Calero naceu en Ferrol (A Coruña) o 30 de outubro de 1910 e finou en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990. Era o fillo maior de M.ª Dolores e Gabriel Ricardo. Os seus primeiros estudos foron nun colexio da rúa Magdalena e despois no Colexio Sagrado Corazón de Xesús, dirixido polo escritor Manuel Comellas; fixo o bacharelato por libre e trasladouse a Compostela a estudar na súa universidade. Licenciouse en Dereito e en Filosofía e Letras.


Da súa participación na vida política, destacar que en 1931 colaborou na creación do Partido Galeguista e contribuíu a redacción dun dos anteproxectos para o Estatuto de Galicia. En 1936, co inicio da Guerra Civil, Ricardo participará no bando republicano. Co ditadura de Franco, permanecerá  no cárcere dous anos, cando  se lle concederá a liberdade provisional.


 Foi un gran defensor do idioma galego e membro do Seminario de Estudos Galegos onde coñeceu a Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas... Traballou en moitas revistas galegas: A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color...  En 1965 incorporouse ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e, como profesor contratado, á universidade compostelá da que se converteu no seu primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. É autor de Gramática elemental del gallego común e de obras de teatro, poesía, novela e moitos estudos sobre a lingua e a literatura


Debido á suspensión das clases por mor da pandemia do coronavirus, e ante a incerteza de cando se poderán retomar , a Real Academia Galega  vén de comunicar que esta celebración se traslada ao día 31 de outubro, que coincide cos 110 anos do nacemento do autor.


Esta institución continúa divulgando a figura do homenaxeado   través da súa  páxina web, a Primavera das Letras e o Portal das Palabras.


https://academia.gal/


https://primaveradasletras.gal/


https://portaldaspalabras.gal/


Tamén nos anima ao profesorado e ao alumnado a promover accións virtuais arredor da data do 17 de maio  e estender estas actividades sobre Carballo Calero a comezos  de curso.


Pola súa parte, O Seminario Galán,  pon a disposición da comunidade educativa o material das Letras Galegas 2020, onde se poden atopar actividades interactivas sobre Carballo Calero, actividades en PDF, marcadores, fotografías, vídeos…


Os noso alumnado xa está afeito a facer estas actividades todos os anos na aula de informática. Por iso, mentres non se retomen as clases, animámosvos a  que entredes  en www.seminariogalan.org/ e realicedes algunhas actividades. Lembrade que debemos ler con moita atención a biografía do autor. Tamén vos aconsellamos, empezar polas actividades máis sinxelas. É dicir, comeza por exemplo polas de dous niveis inferiores ao teu, e despois vas ascendendo ata chegar ao teu curso. Que? Farédelo?


Seguro que si! En xeral, son actividades que vos gustan, non si?


sábado, 11 de abril de 2020

ENTROIDO

O venres 21 de febreiro celebramos o entroido no centro. A temática dos disfraces estaba relacionada co PDI “ Amar o mar”. Non faltaron peixes pallasos, quenllas, polbos, augamares, mergulladores, mariñeiros, piratas…. Todo un mundo mariño!

Fixemos un desfile polo lugar da Braña. Encabezaban a comitiva os nenos e nenas de Educación Infantil seguidos polo resto do alumnado e de moitas familias.

P1220390

De volta  ao colexio,  tocaba a “merendola” acostumada: filloas, rosquillas, orellas, biscoitos  e chocolate Mariño con leite. O patio cuberto de diante estaba decorado con caretas, murais e fotografías a gran  tamaño de  comidas e sobremesas propias desta época así como de diferentes filloeiras e pedras  para facer as filloas das máis antigas ás máis modernas.

O día estivo espléndido. Non se lle podía pedir máis!

P1220404

Día de Rosalía

O venres, 28 de febreiro, celebramos un ano máis, o día de Rosalía de Castro, que  naceu un 24 do mesmo mes de 1837 en Santiago de Compostela.


O alumnado de 6º de Primaria, explicou aos compañeiros de 3º a 5º de Primaria algo da biografía da nosa gran poetisa, e, o de 5º e 3º , recitaron varios poemas.


Por último, todos  cantamos “Adiós, ríos , adiós fontes”, na versión de Amancio Prada.


P1220432

Elaboramos tamén  un marcador co retrato de Rosalía e decorado por eles.

P1220305

Certame Literario 19/20

Por problemas técnicos non puidemos publicar neste blogue os traballos do Certame Literario do curso pasado, aínda que o DVD entregado a cada familia ao final de curso , contén todas estas presentacións.

Presentación Certame literario.Banda deseñada.

Presentación  certame literario.Narrativa e monográfico

LETRAS GALEGAS 2024

Achégase o 17 de maio, o Día que se celebran as Letras da nosa Lingua. Este ano dedícanselle a Luísa Villalta. Imos a coñecela un pouco: ...