mércores, 22 de abril de 2020

LUZ POZO GARZA ( 1922-2020)

[caption id="attachment_536" align="alignnone" width="610"]RETRTA LUZ POZO. Retrato de Luz Pozo, por J. Figueroa[/caption]

Algo da súa biografía... 


Luz Pozo, “unha das voces esenciais das letras galegas da segunda metade do século XX", segundo destaca a RAG é autora dunha importante obra bilingüe en español e galego, que se estende entre 1949, ano en que publicou o seu primeiro libro Ánfora, e  2019, no que apareceu o seu derradeiro libro, Pazo de Tor, unha viaxe á infancia.


 A escritora naceu en Ribadeo, Lugo (21 de xullo de 1922), onde viviu durante a súa infancia, alternando coa localidade veciña de Viveiro. Dúas mulleres tiveron importancia decisiva na súa formación: a súa tía paterna,  iniciouna no coñecemento do galego, e súa nai, Luz Garza Feijoo, muller cunha cultura moi superior ao común da  época, que alimentou na súa filla o amor pola poesía e outras artes, en particular a música e o debuxo, animándoa a cursar estudos de piano e solfeo.


No ámbito da literatura galega, a autora pertencería á que Méndez Ferrín denomina “Promoción de enlace”, que foi a responsable da renovación e actualización da poesía galega despois do franquismo.


Ao  estalar a guerra civil, o pai de Luz (Gonzalo Polo y Pozo) foi detido por pertencer á Esquerda Republicana e destituído do seu cargo de inspector veterinario, o que decidiu o traslado da familia a Lugo, onde estaba preso. A pegada da guerra no ánimo da escritora foi moi profunda, marcada pola prisión do pai e pola morte na fronte de Jaca no ano 1939, do seu único irmán, Gonzalo de 20 anos. A el ía dedicado o seu poema “El soldadito”.


En 1938,  a familia  trasladaríase a vivir a Marrocos, regresando a Viveiro en 1940, liberado o pai e rematada a guerra.


En 1944, Luz Pozo casou con Francisco Vázquez Ramudo (licenciado en Ciencias Químicas), propietario da academia “Minerva” onde ela estudaba bacharelato. Máis tarde culminaría estudos de Maxisterio e, posteriormente, de  Filoloxía Románica e aproba a oposición a profesora de instituto. Ten tres fillos: Gonzalo, Mónica e Luz.


En 1946 comezou unha relación epistolar co poeta Eduardo Moreiras Collazo, a quen coñeceu en 1948 e con quen viviu  unha intensa relación amorosa que só en 1980 puido formalizarse en Vigo. Esa relación clandestina de máis de trinta anos, deixaría unha profunda pegada na obra dos dous escritores.


Dedicouse profesionalmente á ensinanza como catedrática de Lengua y Literatura Españolas, profesión que exerceu ata 1987, ano da súa xubilación no instituto de Nigrán. Consolidou unha importante traxectoria como ensaísta: os  traballos sobre Luis Pimentel, Álvaro Cunqueiro, Luís Seoane, Rosalía de Castro,...así o demostran. Desde o seu retiro das aulas residía na Coruña.


Fundou a revista Nordés e é promotora da revista Clave de Orión.


A súa obra poética conta cunha extensa produción, que desde 1976 é maioritariamente en galego. Memoria solar, no 2004, reúne esta poesía.


Luz Pozo Garza finou este luns 20 de abril, na Coruña aos 97 anos de idade. Foi membro da Real Academia Galega, ocupando entre 1997 e 2001 a vicesecretaría.  


No seu 95 aniversario, a RAG publicou Un pozo de luz, unha homenaxe colectiva á autora. Publicou máis de quince poemarios e media ducia de ensaios, ademais de múltiples colaboracións en obras colectivas. A súa produción poética en galego abrangue case 70 anos. 


A  RAG destaca que a poesía de Luz Pozo bebeu con frecuencia na fonte de Rosalía de Castro, á que rendeu homenaxe en obras como Vida secreta de Rosalía ou Medea en Corinto. O amor e a sensualidade foron dúas constantes na súa obra, caracterizada por un fondo lirismo e o diálogo intertextual íntimo coa tradición poética galega e universal. A luz como elemento simbólico central é outro sinal de identidade dunha autora que nunca deixou de escribir", subliña a Academia.


OBRAS:


Poesía: Ánfora (1949), El vagabundo (1952), O paxaro na boca (1952), Cita en el viento (1962), Últimas palabras/Verbas derradeiras (1976), Concerto de Outono (1981), Códice Calixtino (1986). Consagración de Trasalba (1989), Prometeo a flor de loto (1992), Vida secreta de Rosalía (1996), Medea en Corinto (2003), Sol de medianoche (2013).

Ensaio: A bordo de Barco sin luces ou O mundo Poético de Luis Pimentel (1990), Álvaro Cunqueiro: Herba aquí ou acolá (1991), Galicia ferida: a visión de Luis Seoane (1994), Ondas do mar de Vigo: erotismo e conciencia mítica nas cantigas de amigo (1996), Tres poetas medievais da ría de Vigo (con H. Monteagudo y Xosé Mª Alonso Montero) (1998).

Fragmento de 'Cantiga para ler en tempo de penumbra' (Códice Calixtino, 1986)


 







 

Cae unha folla intacta coma laio
talvez volver os ollos a contemplar o tempo
bailar corpo belido
no centro da mudanza onde o mar é levado
e non saber a forma precisa da demora:
E ai Deus se virá cedo!

 
 

Dormir soñar morrer acaso
agardar un encontro para se tornar caricia
e bañarse nas ondas
nas mesmas vivas aguas da existencia
sílabas delicadas ausencias repentinas
a se perder no reino do lamento:
E ai Deus se virá cedo!

 

 

 

 

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Magosto 2024

Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...