martes, 17 de novembro de 2020
Xogos no Magosto
Arte no Magosto
luns, 2 de novembro de 2020
Celebracións do outono
Os/as nosos/as alumnos/as fixeron unha investigación moi interesante sobre as festas do Outono, Queredes coñecer o que atoparon?
Pois alá imos.....
O Samaín é unha festividade de orixe celta na que se celebraba o fin da tempada de colleitas e era como “Ano novo Celta”. A partir dese momento comezaba a estación “escura”. O seu propio nome significa “Fin do verán”.
Na zona de Carballo, Coristanco...que é de onde procede a meirande parte do noso alumnado segundo as investigacións realizadas, na época dos seus avós e das súas avoas a festa do Samaín era coñecida,, aínda que moitos non lle daban ese nome, senón que era a noite que precedía ao día de Tódolos Santos, pero si que a celebraban.
Baleiraban as cabazas sementadas durante o ano, facíanlle os ollos, decorábanas e metíanlle candeas. Despois colocábanas nos camiños para afastarse aos “malos espíritos”. Pero tamén as cabazas servían como alimento para os animais ademais do millo. Tamén se lle coñece como “melóns”. Tamén se lle botaba cabaza ao caldo e en moitas ocasións substituía ás patacas. E a quen non lle vai gustar un alimento tan sabedor!
Pero falemos da festa que de iso os galegos e as galegas sabemos moito! Pois como toda tradición galega, ese día estaba acompañado de boa comida como filloas, que tamén se comen no entroido, caldo, castañas, chourizo... e bebían viño, anís, queimada e todo iso con boa música de pandeireta e gaitas.
Na zona de costa, neste día tamén era moi habitual pedir, sobre todo nas tabernas da aldea, cacahuetes e doces, pois daquela era un luxo para moitas familias poder gozar destes caprichos. A rapazada vestíase con trapos vellos para conseguir doces dalgún veciño.
Despois de tanta festa, tocaba celebrar un día moi sagrado, O día de Tódolos Santos e Fieis Defuntos, onde maiores e pequenos ían ao cemiterio levar flores aos seus defuntiños. Era un día de loito. A familia xuntábase e despois de ir á misa quedaban na casa arredor da lareira.
O Magosto era moi similar. Despois dun duro traballo de colleita das castañas onde axudaban todos os veciños, xuntábanse arredor da lareira e asábanas na cociña de ferro ou cocíanas con névedas, fiúncho, anís ou leite. Despois facían unha boa foliada con cantos tradicionais, pandeiros e pandeiretas e comían e bebían facendo moita festa. Tamén facían chulas con fariña de trigo e freixós. Esta festa coincidía en moitos lugares coa fin da vendima polo que tamén gozaban do viño novo dese ano. Ademais para a celebración do Magosto a rapazada lucía colares de castañas. E sabedes que? Gañaba o máis longo, cantas máis voltas lle daba arredor do pescozo, mellor!
Hoxe en día, os festexos cambiaron moito, puxémoslle nomes, ás veces deixámonos influenciar por outras culturas...pero o ambiente de festa que nos caracteriza aos galegos e as galegas segue presente. Esas ganas de xuntarnos, compartir unha boa comida e cantar, bailar ata esgotarnos, non se esquece. Agora temos que vivir con esta nova situación; sen dúbida, este ano non se esquecerá tan rápido pero… Ánimo familias! Porque estamos seguros que moi cedo poderemos volver a compartir bos momentos e continuar coas tradicións que tanto marcaron a vida dos nosos maiores.
Lembrade:
“A castaña no magosto enche a pota e mais o forno”


venres, 30 de outubro de 2020
Un Samaín diferente
Hoxe celebramos no colexio o Samaín. Dun xeito diferente, porque o coronavirus anda por aí …. aínda que de momento, ao noso colexio non chegou. Será que lle metemos medo?
Habedes de saber que, en moitas vilas galegas cando chegaba este tempo, tiñan unhas costumes moi particulares, por iso, desde o EDLG tratamos de investigar como se celebraba esta festividade nas nosas parroquias. Para este fin, elaboramos unha breve entrevista que vós, nenos e nenas do colexio, deberedes facerlle aos maiores da familia, os avós e avoas. De paso que aprendedes da súa experiencia e sabedoría, aproveitades para falar con eles, e, se pode ser nunha lareira a carón do lumiño, mellor que mellor.
Estas entrevistas tamén as podedes gravar e así non vos esqueceredes de nada. Cando teñamos toda a información, analizaremos o resultado e publicarémola neste blog.
Ademais, grazas á colaboración de Leoteca, gozaremos cunhas lecturas terroríficas e co visionado dun conto monstruoso. Están no blog de Leoteca: https://bibliocanosa.blogspot.com/
Que esta situación non agoche os nosos sorrisos aterradores!
mércores, 13 de maio de 2020
Os máis pequenos contan!
Velaí vos van algúns contiños das nenas e nenos de primeiro e de 6º de Infantil.
O MAR VOLVEUSE NEGRO
Un día caeu moito petróleo no mar. Os peixes estaban moi asustados porque non sabían o que estaba sucedendo. Todos corrían. Os máis grandes axudaban aos máis pequenos.
Unha tartaruga dixo: “O petróleo é moi perigoso para a saúde”.
Os peixes marcharon todos para un mar limpo. Unha vez a salvo, fixeron unha festa para celebrar que todo saíra ben.
Irene 1º
O CRAVO FAI AMIGOS . 6º E.Infantil

O POLBO TAXISTA
Ola! Son un polbiño. Non o ides crer! Son un polbo taxista.
Quérovos contar unha historia de amizade:
Ía pola estrada cando de súpeto… pum, pum, pum! Estoupoume unha roda! Cos aforros que tiña, arranxeina. Un amigo díxome que podería seguir traballando de taxista e así conseguir máis cartos.
Alejandro 1º
[gallery ids="626,629,630" type="rectangular"]
Debuxos 4º Infantil
O DRAGÓN BO
Uns nenos estaban xogando ao fútbol, cando, de súpeto a pelota foise cara uns arbustos, onde estaba un dragón.
Un dos nenos foi buscar a pelota e viu ao dragón. Entón foi xunta un amigo e contoulle: “Vin un dragón”!
O amigo foi mirar e díxolle: “Aquí non hai ningún dragón. É mellor que vaias para a túa casa”.
O neno dixo: “De acordo”.
Camiñaba pola beirarrúa e viu de novo ao dragón. Díxolle enfadado: “Para de me perseguir. Xa abonda”.
Cando o neno foi moito maior púxolle o nome de Bo ao dragón e fíxéronse amigos. Sobre todo xogaban a chimpar a pelota.
Natalia
A SEREÍÑA ATRAPADA . 6º E.Infatil


O VERÁN
Había unha vez un neno ao que lle encantaba o verán. Gustáballe moito ir á praia e desfrutar da mar. Xogando con minipeixes e coa area pasaba os días.
Unha vez atopou unha estrela de mar. Estaba media morta e coa axuda da súa nai metérona nun caldeiro con auga de mar e reviviu.
Despois, o neno, colleu a estrela e ceibouna no mar. E así, un día tras outro, o verán ía pasando e o neno desfrutando de cada aventura que se lle presentaba.
Daniel
OUTRO DÍA DE CHUVIA
Sara mira pola fiestra e quéixase:
- Que rabia! Hoxe tamén chove a caldeiros…
-A este paso- murmura o seu irmán Miguel sen saír da cama- ímonos converter en peixes…
Sara pestanexa.
-É certo que leva moitos días chovendo, pero por máis que o intento non me imaxino convertida en peixe. En peixe non! Mellor en serea que son moito máis bonitas!
Miguel ri, cobre a cabeza coas sabas e di:
-Espértame cando che comecen a saír escamas!...
Mateo 1º
[caption id="attachment_639" align="alignnone" width="1108"]
Uxía, 2º[/caption]
martes, 17 de abril de 2018
MANUEL MARÍA
50 ANOS DE "OS SOÑOS NA GAIOLA"

O sábado, 14 de abril, celebrouse no Pazo de Cultura de Carballo, unha homenaxe a MANUEL MARÍA: cumpríanse os 50 anos de Os soños na gaiola. O acto foi organizado pola Fundación Manuel María e o Concello de Carballo. Participaron arredor duns douscentos nenos e nenas dos colexios de Carballo. Do Canosa-Rus, recitou poemas o alumnado de 3º e 5º de primaria. Tamén elaboramos traballos plásticos como uns carriños, poemas ilustrados e unha maqueta realizada en madeira que titulamos “Galicia ollando ao mar”.
Ao final do acto, todos os participantes subiron ao escenario e cantaron a coro o poema A fouce. Está claro que Manuel María gusta aos nenos!
PRODUTO FINAL DO NOSO PDI "O CORPO EN HARMONÍA"
O venres día 22 de maio, fixemos no cole como cada curso o produto final do noso PDI, este curso foi "O corpo en harmonía", e est...
-
Ola familias!! O venres 7 de novembro, celebramos o Magosto no cole. Fixemos unha chea de xogos divertidos, como dirixir a castaña, ences...
-
O alumnado de E.Infantil de 5 anos, 2º A, 2ºB e 3º plantou unhas landras en botas ou zapatos vellos no mes de decembro, despois de leren n...
-
XOGA CO NOSO ESCORNALENDA Panel do escornalenda debuxado polo alumnado de 3º REGRAS DO XOGO: O primeiro xogador debe posicionar o escornab...
