As nosas investigacións

pozo negro

                            (Ao pé dos eucaliptos do fondo, atópase o pozo negro)

O POZO NEGRO


Unha alumna do centro, recompilou a seguinte información que lle foi contando súa avoa:

“Estaba situado nunha finca da  Braña, preto do colexio de Rus, na pista que vai cara O Pego. As donas eran dúas irmás da Canosa.

O pozo era moi ancho, pero non era demasiado fondo. Collían ata sete persoas bañándose, máis ou menos. A auga era beneficiosa para curar moitas doenzas, como a artrose, reuma, problemas da pel … Había tamén varias fontes arredor do pozo;  botaban unha auga que a xente bebía porque seica era boa para enfermidades do estómago, como as úlceras.

Viña xente de moitos lugares. Na casa da miña bisavoa paraba a xente de pousada. Poñíanlle un colchóns  de carrupas de millo e a xente durmía neles. Botaban alí a ta quince días, para ir aos baños diariamente.

Na casa que hai xusto no cruce que vai para o colexio tiñan unhas “tinas” longas de madeira. Ían buscar no carro uns bidóns grandes de auga, quentábana e botábana nas tinas. A xente bañábase nelas.  Miña avoa acórdase dun neno de oito anos que non podía andar e despois de bañarse quince días no pozo, saíu andando. De maior, viña buscar garrafas de auga para bañarse na casa. Tamén os veciños da parroquia ía buscar auga con caldeiros para bañarse na casa.

Miña avoa di que cando lavaba a cara nesa auga, quedáballe a pel fina como a seda.

Naqueles tempos había en Carballo outro pozo, que hoxe en día é un balneario.

Meu bisavó tiña unha finca cerca do pozo negro e sacaba barro para ver se saía auga do pozo. Pero nunca saíu”.

O EDLG, recolleu algunhas testemuñas máis. Unha señora comentou: “ Eu tiña varices, e lavei as pernas con estas augas durante varios días, e pasáronme, só me quedaron as marcas. Tamén é boa para  a erisipela. Dique tamén hai xente que a bebe.

A auga hai que collela remexendo un pouco e vólvese negra. Ule mal,  como as do balneario de Carballo.

Se se aplican estas augas, durante nove días non se pode comer peixe, porque lle é contrario”.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Magosto 2024

Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...