sábado, 24 de febreiro de 2018

As nosas investigacións

colexio e fábrica

Fábrica UNEMSA á esquerda e CEIP CANOSA-RUS, á dereita, desde a capela da Saleta de Silván


VILAGUNDÍN


Sobre a lenda dunha vila asolagada na Braña, o noso alumnado recolleu esta información:


“Na Braña de Silván, onde se divide o concello de Carballo do de  Coristanco, dise que hai unha cidade asolagada,  sumerxida polos lodos. Xa o contaban os avós dos nosos avós e os veciños máis anciáns que non dei a coñecer. Algúns deles contaban como atopaban as vigas das casas, ou aprechos e utensilios nas brañas, cando ían ao barro para as numerosas telleiras que había na parroquia. O porqué do asolagamento sempre foi contraditorio, ben por unha enchente ou ben por un gran maremoto que entrou terra a dentro”


 “Hai moitos anos existía unha aldea no sitio onde está o noso colexio e máis a fábrica. Quedou enterrada por un forte diluvio”.


 “En tempos moi lonxanos existiu na Braña unha cidade chamada de San Agundín. Non se recordan os motivos polos que desapareceu, pero nalgunhas fincas apareceron pozos sen fondo e cando antigamente se andaba ao barro para as tellas, apareceron vigas para a construcións antigas, igual que o lado do río da Ruxeira, nas fincas que o rodean”.


 Hai moitos séculos afundiuse unha aldea, que tiña por nome Vilagundín. Agora mesmo son os lugares que chamamos “A Gandra” onde está situado o colexio Canosa-Rus e polos arredores.


Esta aldea quedou enterrada por un diluvio. É a zona do Riveiro, Cesta e A Braña. A lenda di que se oía unha cabra  e non  había cabras. Os veciños cada vez que a oían cavaban e encontraban cousas de barro, coitelos, tenedores e zocos.


Dese tesouro non se sabe nada nin quen o ten, nin a quen lle pertence.  Dise tamén que “ Cando volva a levantarse  Vilagundín,  A Coruña será afundida”.


 

xoves, 22 de febreiro de 2018

As nosas investigacións

FONTE DO SANTO


fonte do santo. San paio

San Paio ( Entrecruces)

Esta fonte, feita de cantería encóntranse nun pequeño souto cos castiñeiros . Ten un so cano. Na cruz, por un lado está Xesucristo crucificado e do outra a virxe María. Agora non bota auga e parece algo abandonada.

Disque estas augas son boas para botarlle ás leiras e que non lle veñan vermes.

Conta a lenda que na noite de San Xoán as meigas xuntábanse na Fonte do Santo en San Paio, para contar as súas aventuras ao demo. Lavábanse na fonte, e despois ían andando ao Monte Neme, esquivando a igrexa de Santa María de Ardaña, porque se di que San Vicente quita os meigallos aos nenos.

 

Coñecemos lendas

monte neme desde Cereo

Ao fondo, o Monte Neme, desde Cereo

O Monte Neme, vese practicamente desde toda a comarca de Bergantiños, aínda que só ten 385 m de altitude. Está entre os concellos de Malpica e Carballo, e desde o seu cume (extenso e chan ), pode contemplarse unha amplia  panorámica ( illas Sisargas, areal de Razo-Baldaio, Carballo, polígono de Bértoa,  Malpica, parque eólico de Punta Nariga, do Monte Perrol, de Fontesilva,  do Monte Castelo…)


razo baldaio

Vista de Razo-Baldaio, desde o Neme

Os nosos alumnos/as, achegáronos esta información:

“Conta a lenda que na véspera de San Xoán, as meigas xuntábanse na fonte que está xunto a ruína da capela de Santa Cristina. Alí facían as súas cerimonias. Despois subían ao Monte Neme, sentándose cada unha no seu “sillón” de pedra e pensaban que  falcatruadas lle podían facer aos humanos”

“Polo San Xoán as meigas lavábanse na fonte de San Paio de Xaneiro en Entrecruces e logo ían cara o Monte Neme porque alí era onde se xuntaban todas cos demos. Tiñan moito coidado de non pasar pola igrexa de Santa María de Ardaña”.

eira das meigas

Eira das meigas

Disque na  eira das meigas, ou circo do xogos, reuníanse  na noite de San xoán as meigas da comarca, que subían ao monte, lavaban a cara na Fonte das Meigas, no lugar de Tordoia, ou noutras como a de San Paio da Devesa ou na fervenza de Entrecruces, para discutiren que facer cos vivos.

A eira das meigas, hoxe destruída , sería un círculo lítico ( ou pequeño cromlech), xa descrito por Manuel Murguía, o que lle confire a este monte un carácter sagrado. O nome Neme, procede de Nemet, que era unha divinidade precristián.

Neste lugar tamén estaba a fonte e a a capela de Santa Cristina, que foi destruída, e da que non queda nada.

 

balsas e canteira

Balsas de auga e lodos procedentes da extracción de áridos

Ademais de “ monte sagrado”, o Neme foi obxecto dunha intensa actividade mineira, sobre todo de extracción de volframio, de gran importancia na   durante a II Guerra Mundial.  Este empregábase na industria militar para endurecer o aceiro, sendo Alemania o principal comprador.


Cando finalizou a actividade do volfram, o monte empregouse como canteira ata o 2012 ( extraíase xeixo e áridos) en que foi abandonada producindo un importante impacto visual ademais de danar definitivamente o patrimonio.


Como resultado das escavacións, quedan tamén  grandes balsas de auga, que presentan cor turquesa, e  que poden ser un perigo para os curiosos que non anden con tino polos arredores. En 2014, unha destas balsas rebentou , verténdose máis de 24.000 metros cúbicos de auga e residuos polo monte abaixo, chegando a Aviño e Razo da Costa.


Parece ser que a auga da cor turquesa non son especialmente tóxicas, aínda que teñen un alto contido en alumnio, pero non arsénico. O  máis perigoso son os altos taludes, que non están vallados.


 

LETRAS GALEGAS 2024

Achégase o 17 de maio, o Día que se celebran as Letras da nosa Lingua. Este ano dedícanselle a Luísa Villalta. Imos a coñecela un pouco: ...