Fábrica UNEMSA á esquerda e CEIP CANOSA-RUS, á dereita, desde a capela da Saleta de Silván
VILAGUNDÍN
Sobre a lenda dunha vila asolagada na Braña, o noso alumnado recolleu esta información:
“Na Braña de Silván, onde se divide o concello de Carballo do de Coristanco, dise que hai unha cidade asolagada, sumerxida polos lodos. Xa o contaban os avós dos nosos avós e os veciños máis anciáns que non dei a coñecer. Algúns deles contaban como atopaban as vigas das casas, ou aprechos e utensilios nas brañas, cando ían ao barro para as numerosas telleiras que había na parroquia. O porqué do asolagamento sempre foi contraditorio, ben por unha enchente ou ben por un gran maremoto que entrou terra a dentro”
“Hai moitos anos existía unha aldea no sitio onde está o noso colexio e máis a fábrica. Quedou enterrada por un forte diluvio”.
“En tempos moi lonxanos existiu na Braña unha cidade chamada de San Agundín. Non se recordan os motivos polos que desapareceu, pero nalgunhas fincas apareceron pozos sen fondo e cando antigamente se andaba ao barro para as tellas, apareceron vigas para a construcións antigas, igual que o lado do río da Ruxeira, nas fincas que o rodean”.
Hai moitos séculos afundiuse unha aldea, que tiña por nome Vilagundín. Agora mesmo son os lugares que chamamos “A Gandra” onde está situado o colexio Canosa-Rus e polos arredores.
Esta aldea quedou enterrada por un diluvio. É a zona do Riveiro, Cesta e A Braña. A lenda di que se oía unha cabra e non había cabras. Os veciños cada vez que a oían cavaban e encontraban cousas de barro, coitelos, tenedores e zocos.
Dese tesouro non se sabe nada nin quen o ten, nin a quen lle pertence. Dise tamén que “ Cando volva a levantarse Vilagundín, A Coruña será afundida”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario