xoves, 26 de novembro de 2020

CERTAME DE PODCAST XOSÉ MOSQUERA PÉREZ

Temos novas e moi boas...... o noso alumnado de 6º de primaria da man da súa titora acaba de gañar un premio, nada máis e nada menos que o Premio Especial 25 Aniversario de Ponte nas Ondas co podcast "Ánimo, xente". http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipcanosarus/node/653 Aquí tendes o seu traballo: https://go.ivoox.com/rf/59073461 ¡Noraboa rapazada!

mércores, 25 de novembro de 2020

Di NON á violencia de xénero

Hoxe, 25 de novembro é o Día Internacional contra a violencia de xénero. Dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega apoiamos a campaña do concello de Coristanco «Nin unha cadeira máis baleira» e amosamos o noso rexeitamento á violencia. Consideramos que temos a grande necesidade de traballar xuntos e xuntas contra a violencia de xénero, educando e creando espazos libres de violencias. https://www.ivoox.com/player_ej_60760527_4_1.html?c1=ff6600 Recomendámosvos algunhas das lecturas en galego que nos ofrece Leoteca:

luns, 23 de novembro de 2020

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO.

Este mes de novembro na nosa escola, as investigacións e os experimentos vagan polos corredores. É que claro....é o MES DA CIENCIA EN GALEGO e o noso alumnado está amosando grandes ideas que nos fan abrir a boca...aínda que non se vexa. O equipo de biblioteca está a facer un duro traballo e animándonos a participar realizando experimentos, aínda que toca facelos na casiña. Parabéns, rapazada, sodes uns grandes científicos!!!!

martes, 17 de novembro de 2020

Xogos no Magosto

Este ano festexamos o Magosto dunha maneira moi diferente, pero non por iso menos divertida. Ademais do Land Art, neste Magosto pasamos moi bos momentos participando en diferentes xogos que, sen deixaren de ser divertidos, tamén nos permitiron respectar a distancia de seguridade. Velaquí tedes un cachiño do noso día do Magosto!

Arte no Magosto

O pasado venres 13 de novembro, celebramos o Magosto no colexio. O noso alumnado xa investigara días antes sobre estes festexos, e tiña moi claro que a castaña é a gran protagonista, polo que se converteu durante todo o día na nosa compañeira de actividades.Escoitade! https://go.ivoox.com/rf/60332860 Nenas e nenos de todos os niveis participaron nunha xornada de xogos en grupos de convivencia e realizaron un novidoso obradoiro de “Land art”, para o que todos achegaron castañas, follas, pedriñas, paus, abelás, pinas, carozos, millo... E… para que é todo isto? Pois trátase de arte efémera, é dicir, realizar diferentes composicións artísticas con elementos da natureza. E, por suposto, o alumnado do CEIP Canosa Rus amosou unha vez máis que a creatividade e as dotes artísticas están moi presentes na nosa escola. Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras......

Paula Carballeira

Este luns, 16 de novembro, tivemos a gran sorte de contar coa visita de Paula Carballeira, escritora, contacontos e actriz galega. O alumnado de segundo de primaria, que participarán no concurso Tíralle da lingua, organizado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, gozou dunha xornada de contacontos da man desta artista. Recibírona moi contentos e mostrándolle carteis dándolle a benvida. Non é para menos.! Grazas, Paula! Nos tempos que corren, agradécese que nos veñan contar un contiño...

luns, 2 de novembro de 2020

Recordamos a Carvalho Calero


O día das letras galegas deste ano 2020, como todo el,  é un pouco diferente….En maio,  dende a casa, o noso alumnado traballou  e aprendeu moito sobre a vida de Ricardo Carvalho Calero , e claro, como non se homenaxeou como se merece, decidiron adialo ao 31 de outubro, xusto o día seguinte da conmemoración do 110 aniversario do seu nacemento.





Ricardo Carvalho Calero foi profesor de Lingüística e Literatura Galega, licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid, ademais de escritor e poeta, foi unha das figuras máis relevantes  da cultura galega da segunda metade do século XX. Durante toda a súa vida exerceu como secretario do Seminario de Estudos Galegos, membro da Real Academia Galega e director do Colexio Fingoi (entre 1950 e 1965).





Por todo isto, os alumnos e as alumnas do cole achegaron os  retratos de Carvalho Calero que fixeron en maio e agora amósannolo a todos. Como podedes ver....son uns e unhas artistas!





Ademais, dende a radio e nas aulas dedicarémoslle unhas verbas a este intelectual ferrolán que fixo tanto pola nosa cultura.





Graciñas, rapazada,  polas vosas obras. Son unha marabilla!
















Celebracións do outono


Os/as nosos/as alumnos/as fixeron unha investigación moi interesante sobre as festas do Outono, Queredes coñecer o que atoparon?





Pois alá imos.....





O Samaín é unha festividade de orixe celta na que se celebraba o fin da tempada de colleitas e era como “Ano novo Celta”. A partir dese momento comezaba a estación “escura”. O seu propio nome significa “Fin do verán”.





Na zona de Carballo,  Coristanco...que é de onde procede a meirande parte do noso alumnado segundo as investigacións realizadas, na época dos seus avós e das súas avoas a festa do Samaín era coñecida,, aínda que moitos non lle daban ese nome, senón que era a noite que precedía ao día de Tódolos Santos, pero si que a celebraban.





Baleiraban as cabazas sementadas durante o ano, facíanlle os ollos,  decorábanas e metíanlle candeas. Despois colocábanas nos camiños para afastarse aos “malos espíritos”. Pero tamén as cabazas servían como alimento para os animais ademais do millo.  Tamén se lle coñece como “melóns”.  Tamén se lle botaba cabaza ao caldo e en moitas ocasións substituía ás patacas. E a quen non lle vai gustar un alimento tan sabedor!





Pero falemos da festa   que de iso os galegos e as galegas sabemos moito! Pois como toda tradición galega, ese día estaba acompañado de boa comida como filloas, que tamén se comen no entroido, caldo, castañas, chourizo... e bebían viño, anís, queimada  e todo iso con boa música de pandeireta e gaitas.





Na zona de costa, neste día tamén era moi habitual pedir, sobre todo nas tabernas da aldea, cacahuetes e doces, pois daquela era un luxo para moitas familias poder gozar destes caprichos. A rapazada vestíase con trapos vellos para conseguir  doces dalgún veciño.





Despois de tanta festa, tocaba celebrar un día moi sagrado, O día de Tódolos Santos e Fieis Defuntos, onde maiores e pequenos ían ao cemiterio  levar flores aos seus defuntiños. Era un día de loito. A familia xuntábase e despois de ir á misa quedaban na casa arredor da lareira.





O Magosto era moi similar. Despois dun duro traballo de colleita das castañas onde axudaban todos os veciños, xuntábanse arredor da lareira e asábanas na cociña de ferro ou  cocíanas con névedas, fiúncho, anís ou leite. Despois facían unha boa foliada con cantos tradicionais, pandeiros e pandeiretas e comían e bebían facendo moita festa. Tamén facían chulas con fariña de trigo e freixós. Esta festa coincidía en moitos lugares coa fin da vendima polo que tamén gozaban do viño novo dese ano. Ademais para a celebración do Magosto a rapazada lucía colares de castañas. E sabedes que? Gañaba o máis longo, cantas máis voltas lle daba arredor do pescozo, mellor!





Hoxe en día, os festexos cambiaron moito, puxémoslle nomes, ás veces deixámonos influenciar por outras culturas...pero o ambiente de festa que nos caracteriza aos galegos e as galegas segue presente. Esas ganas de xuntarnos, compartir unha boa comida e cantar, bailar ata esgotarnos,  non se esquece. Agora temos que vivir con esta nova situación; sen dúbida, este ano non se esquecerá tan rápido pero… Ánimo familias! Porque estamos seguros que moi cedo poderemos volver a compartir bos momentos e continuar coas tradicións que tanto marcaron a vida dos nosos maiores.





Lembrade:





“A castaña no magosto enche a pota e mais o forno”




























LETRAS GALEGAS 2024

Achégase o 17 de maio, o Día que se celebran as Letras da nosa Lingua. Este ano dedícanselle a Luísa Villalta. Imos a coñecela un pouco: ...