Amosando publicacións coa etiqueta outono. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta outono. Amosar todas as publicacións

martes, 17 de novembro de 2020

Xogos no Magosto

Este ano festexamos o Magosto dunha maneira moi diferente, pero non por iso menos divertida. Ademais do Land Art, neste Magosto pasamos moi bos momentos participando en diferentes xogos que, sen deixaren de ser divertidos, tamén nos permitiron respectar a distancia de seguridade. Velaquí tedes un cachiño do noso día do Magosto!

Arte no Magosto

O pasado venres 13 de novembro, celebramos o Magosto no colexio. O noso alumnado xa investigara días antes sobre estes festexos, e tiña moi claro que a castaña é a gran protagonista, polo que se converteu durante todo o día na nosa compañeira de actividades.Escoitade! https://go.ivoox.com/rf/60332860 Nenas e nenos de todos os niveis participaron nunha xornada de xogos en grupos de convivencia e realizaron un novidoso obradoiro de “Land art”, para o que todos achegaron castañas, follas, pedriñas, paus, abelás, pinas, carozos, millo... E… para que é todo isto? Pois trátase de arte efémera, é dicir, realizar diferentes composicións artísticas con elementos da natureza. E, por suposto, o alumnado do CEIP Canosa Rus amosou unha vez máis que a creatividade e as dotes artísticas están moi presentes na nosa escola. Pero como unha imaxe vale máis que mil palabras......

luns, 2 de novembro de 2020

Celebracións do outono


Os/as nosos/as alumnos/as fixeron unha investigación moi interesante sobre as festas do Outono, Queredes coñecer o que atoparon?





Pois alá imos.....





O Samaín é unha festividade de orixe celta na que se celebraba o fin da tempada de colleitas e era como “Ano novo Celta”. A partir dese momento comezaba a estación “escura”. O seu propio nome significa “Fin do verán”.





Na zona de Carballo,  Coristanco...que é de onde procede a meirande parte do noso alumnado segundo as investigacións realizadas, na época dos seus avós e das súas avoas a festa do Samaín era coñecida,, aínda que moitos non lle daban ese nome, senón que era a noite que precedía ao día de Tódolos Santos, pero si que a celebraban.





Baleiraban as cabazas sementadas durante o ano, facíanlle os ollos,  decorábanas e metíanlle candeas. Despois colocábanas nos camiños para afastarse aos “malos espíritos”. Pero tamén as cabazas servían como alimento para os animais ademais do millo.  Tamén se lle coñece como “melóns”.  Tamén se lle botaba cabaza ao caldo e en moitas ocasións substituía ás patacas. E a quen non lle vai gustar un alimento tan sabedor!





Pero falemos da festa   que de iso os galegos e as galegas sabemos moito! Pois como toda tradición galega, ese día estaba acompañado de boa comida como filloas, que tamén se comen no entroido, caldo, castañas, chourizo... e bebían viño, anís, queimada  e todo iso con boa música de pandeireta e gaitas.





Na zona de costa, neste día tamén era moi habitual pedir, sobre todo nas tabernas da aldea, cacahuetes e doces, pois daquela era un luxo para moitas familias poder gozar destes caprichos. A rapazada vestíase con trapos vellos para conseguir  doces dalgún veciño.





Despois de tanta festa, tocaba celebrar un día moi sagrado, O día de Tódolos Santos e Fieis Defuntos, onde maiores e pequenos ían ao cemiterio  levar flores aos seus defuntiños. Era un día de loito. A familia xuntábase e despois de ir á misa quedaban na casa arredor da lareira.





O Magosto era moi similar. Despois dun duro traballo de colleita das castañas onde axudaban todos os veciños, xuntábanse arredor da lareira e asábanas na cociña de ferro ou  cocíanas con névedas, fiúncho, anís ou leite. Despois facían unha boa foliada con cantos tradicionais, pandeiros e pandeiretas e comían e bebían facendo moita festa. Tamén facían chulas con fariña de trigo e freixós. Esta festa coincidía en moitos lugares coa fin da vendima polo que tamén gozaban do viño novo dese ano. Ademais para a celebración do Magosto a rapazada lucía colares de castañas. E sabedes que? Gañaba o máis longo, cantas máis voltas lle daba arredor do pescozo, mellor!





Hoxe en día, os festexos cambiaron moito, puxémoslle nomes, ás veces deixámonos influenciar por outras culturas...pero o ambiente de festa que nos caracteriza aos galegos e as galegas segue presente. Esas ganas de xuntarnos, compartir unha boa comida e cantar, bailar ata esgotarnos,  non se esquece. Agora temos que vivir con esta nova situación; sen dúbida, este ano non se esquecerá tan rápido pero… Ánimo familias! Porque estamos seguros que moi cedo poderemos volver a compartir bos momentos e continuar coas tradicións que tanto marcaron a vida dos nosos maiores.





Lembrade:





“A castaña no magosto enche a pota e mais o forno”




























venres, 30 de outubro de 2020

Un Samaín diferente


Hoxe celebramos no colexio o Samaín. Dun xeito diferente, porque o coronavirus anda por aí …. aínda que de momento, ao noso colexio non chegou. Será que lle metemos medo?





Habedes de saber que, en moitas vilas galegas cando chegaba este tempo, tiñan unhas costumes moi particulares, por iso, desde o EDLG tratamos de investigar como  se celebraba esta festividade nas nosas parroquias. Para este fin,  elaboramos unha breve entrevista que vós, nenos e nenas do colexio, deberedes facerlle aos maiores da familia, os avós e avoas. De paso que aprendedes da súa experiencia e sabedoría, aproveitades para falar con eles, e, se pode ser nunha lareira a carón do lumiño, mellor que mellor.





Estas entrevistas tamén as podedes gravar e así non vos esqueceredes de nada. Cando teñamos toda a información, analizaremos o resultado e publicarémola neste blog.





Ademais, grazas á colaboración de Leoteca, gozaremos cunhas lecturas terroríficas e co visionado dun conto monstruoso. Están no blog de Leoteca: https://bibliocanosa.blogspot.com/





Que esta situación non agoche os nosos sorrisos aterradores!


PRODUTO FINAL DO NOSO PDI "O CORPO EN HARMONÍA"

 O venres día 22 de maio, fixemos no cole como cada curso o produto final do noso PDI, este curso foi "O corpo en harmonía", e est...