xoves, 16 de abril de 2020

"CONTOS FEITOS NA CASIÑA"

Este anos toca deixar para máis tarde a celebración do CERTAME LITERARIO,  que faciamos coincidir coa festa das Letras Galegas.  Aínda así, utilizaremos este blogue para publicar algúns contiños que están escribindo os nosos alumnos/as na súa casiña, coa axuda da familia. Aí vos vai algún!

O GATO COCIÑEIRO


Había unha vez un gato moi bonito. Era branco como a neve, cunha  manchiña de cor negra no ollo dereito. Vivía preto da miña casa. Era un gato moi listo. Gustáballe moito cociñar e facía unha comidas que estaban de rechupete.

Sabía facer de todo: empanada, tortilla, freixós, caldo…E de sobremesas, todo o que lle pediras: tortas, flans de ovos, biscoitos, etc

Estaba chegando o santo da miña avoa e queríalle dar unha sorpresa. Pero eu non  sei cociñar! Entón pensei:” Vou falar co gato cociñeiro.El seguro que me pode axudar”

Pois aló me boto na súa casa e conteille o que me pasaba. O gato cociñeiro díxome: “Non te preocupes. Vouche facer unha gran torta de amorodos”

Os dous xuntos levámoslle a torta á miña avoa. Ela quedou tan contenta que choraba de alegría.

ND 3º


UN HOME MOI RARO


Érase unha vez un home malhumorado e maniático. Sempre tiña que levar posta a roupa de cor azul; usaba gorro de la grosa verán e inverno e polainas subidas ata as coxas porque tiña medo de enfermar. Non falaba con ninguén porque despois escocíalle a lingua, ou iso pensaba el. Ademais, tiña outras moitas teimas: non saía da casa se chovía ou se quentaba o sol, non comía ata a noite para non se indixestar, bebía a grolos pequenos para non se atragoar e moi pouca cantidade, non fose afogar.


Gustáballe pouco traballar, pois era moi lorchán. Ofrecíanlle moitos traballos pero ningún lle chistaba: odiaba madrugar, non quería luxar as mans…Botaba todo o día deitado no sofá e comendo lambetadas.


Chegou un día no que xa non lle quedaban cartos, porque xa gastara todos os aforros. Agora si que tiña que buscar un traballo e pensando, pensando, ocorréuselle facerse ufólogo. Só tiña que mirar pola ventá a ver se pasaba algún extraterrestre. Ese si que era un traballo relaxado e, por riba, ben pagado!


PF 3º


A VITORIA DE XOÁN


Érase unha vez un neno chamado Xoán. El era moi bo xogando ao fútbol e gañou unha beca para ir xogar a outro país. Chegou a un equipo de Francia chamado Jaccio. Aos pais gustáballes moito a idea de que fora estudar a outro país, aínda que el non estaba moi convencido. Aínda así, toda a familia se trasladou a Francia.


Xoán empezou noutra escola pero non se atopaba moi ben. A xente era diferente, non conseguía facer amigos e os do seu equipo non o trataban ben (non lle pasaban o balón e mofábanse del cando cometía un erro). Estaba convencido que se demostraba o ben que xogaba, aceptaríano mellor, así que puxo todo da súa parte para mellorar.


Un día, nun partido, xogando contra un equipo moi forte, empezaron moi mal, perdendo 0-2. Xoán estaba desesperado porque ninguén lle daba pases. Así que decidiu roubar un balón e chegou con el á portería contraria marcando un gran gol. Os compañeiros do seu equipo quedaron abraiados e comezaron a darlle pases. Conseguiu marcar catro goles máis e gañaron o partido.


Desde ese día, Xoán xa ten amigos que o queren e respectan e forman un gran equipo.


AL3º


O COELLO DE PASCUA


Había unha vez un coello que agochaba ovos de chocolate. Un día, foi esconder os ovos na casa dunha familia moi grande. Había unha nena que nunca comía o ovo de chocolate; o único que lle importaba era coñecer ao coello. Xa era de noite e o coello empezou a esconder os ovos. Pero a nena non durmía e saíu da casa en silencio. Intentou encontrar o coello pero chocou contra un arbusto.


 - Aiiiiii!


Desde a ventá, berroulle súa nai:


-Marta, que fas aí fóra?


-Estou buscando o coello de Pascua- dixo a nena.


-Filla, se querías coñecelo, dixérasmo a min, aos teus irmáns, aos curmáns ou aos tíos, porque todos nós xa o coñeciamos. Faltas, ti, Marta. Vente, primeiro hai que chamalo.


-Coello, coello! Onde estás?


-Aquí detrás!


-Ola, coello! Chámome Marta Gómez, por se te asustei...


-Ola, Marta Gómez! Eu son o coello de Pascua e veño agochar os ovos. E basta de tanto falar! Veña, hai que buscalos! Encontrámolos, e, despois... a comelos! Chao! Ata o ano que vén.


MR3º


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Magosto 2024

Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...