A celebración do Día da Letras Galegas, trasládase ao 31 de outubro
[caption id="attachment_508" align="aligncenter" width="243"] farodevigo.es[/caption]
Este ano, no Día das Letras Galegas, o 17 de maio, homenaxearemos a Carballo Calero, escritor e gran filólogo galego. Vexamos algo da súa biografía.
Ricardo Carballo Calero naceu en Ferrol (A Coruña) o 30 de outubro de 1910 e finou en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990. Era o fillo maior de M.ª Dolores e Gabriel Ricardo. Os seus primeiros estudos foron nun colexio da rúa Magdalena e despois no Colexio Sagrado Corazón de Xesús, dirixido polo escritor Manuel Comellas; fixo o bacharelato por libre e trasladouse a Compostela a estudar na súa universidade. Licenciouse en Dereito e en Filosofía e Letras.
Da súa participación na vida política, destacar que en 1931 colaborou na creación do Partido Galeguista e contribuíu a redacción dun dos anteproxectos para o Estatuto de Galicia. En 1936, co inicio da Guerra Civil, Ricardo participará no bando republicano. Co ditadura de Franco, permanecerá no cárcere dous anos, cando se lle concederá a liberdade provisional.
Foi un gran defensor do idioma galego e membro do Seminario de Estudos Galegos onde coñeceu a Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas... Traballou en moitas revistas galegas: A Nosa Terra, Nós, Guión, Galiza, Resol, Universitarios, Papel de Color... En 1965 incorporouse ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e, como profesor contratado, á universidade compostelá da que se converteu no seu primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega. É autor de Gramática elemental del gallego común e de obras de teatro, poesía, novela e moitos estudos sobre a lingua e a literatura
Debido á suspensión das clases por mor da pandemia do coronavirus, e ante a incerteza de cando se poderán retomar , a Real Academia Galega vén de comunicar que esta celebración se traslada ao día 31 de outubro, que coincide cos 110 anos do nacemento do autor.
Esta institución continúa divulgando a figura do homenaxeado través da súa páxina web, a Primavera das Letras e o Portal das Palabras.
https://primaveradasletras.gal/
https://portaldaspalabras.gal/
Tamén nos anima ao profesorado e ao alumnado a promover accións virtuais arredor da data do 17 de maio e estender estas actividades sobre Carballo Calero a comezos de curso.
Pola súa parte, O Seminario Galán, pon a disposición da comunidade educativa o material das Letras Galegas 2020, onde se poden atopar actividades interactivas sobre Carballo Calero, actividades en PDF, marcadores, fotografías, vídeos…
Os noso alumnado xa está afeito a facer estas actividades todos os anos na aula de informática. Por iso, mentres non se retomen as clases, animámosvos a que entredes en www.seminariogalan.org/ e realicedes algunhas actividades. Lembrade que debemos ler con moita atención a biografía do autor. Tamén vos aconsellamos, empezar polas actividades máis sinxelas. É dicir, comeza por exemplo polas de dous niveis inferiores ao teu, e despois vas ascendendo ata chegar ao teu curso. Que? Farédelo?
Seguro que si! En xeral, son actividades que vos gustan, non si?
Ningún comentario:
Publicar un comentario