venres, 25 de febreiro de 2022
DÍA DE ROSALÍA. 23 de febreiro.
Como todos os anos, celebramos o Día de Rosalía no noso centro,cunha homenaxe á autora feita polos nenos e nenas con moito agarimo. Unha vez máis, o alumnado puxo todo o seu esforzo na tarefa e este é un pequeno resumo do resultado.
domingo, 6 de febreiro de 2022
FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN, O POETA MÁIS SIGNIFICATIVO DE VALDEORRAS - LETRAS GALEGAS 2022
“Agro, viño, comercio, relixiosidade, amor pola terra, lingua, natureza e galanteo, foron elementos que estiveron presentes ó longo do percorrido de FDG polo mundo adiante e que en parte influíron na súa vida e obra”.
A súa pluma, pero tamén a súa propia historia, chea de reivindicacións e loita pola cultura de Galicia, forma parte dos motivos que converten a Gurriarán no autor ao que se lle dedicarán as Letras Galegas do 2022.
Este ilustre escritor naceu no ano 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras), no seo dunha familia acomodada.
Ademais de poeta era avogado, defensor do galego e dos galegos e activamente político. Un home cunha vocación social incansable, a quen a loita pola dignificación e polo recoñecemento do idioma levouno nos anos corenta ao exilio en México, onde pasou case a metade da súa vida.
Florencio comprometeuse co galeguismo dende mozo, primeiro moi vinculado ao grupo Nós, onde bebeu das ideas de intelectuais como Vicente Risco e Otero Pedrayo e, máis tarde, a partir dos anos trinta, militando no Partido Galeguista.
Demócrata, republicano e cristián, Gurriarán apostaba pola transformación e pola posta en valor da cultura e da literatura galegas.
Escribiu os poemarios Bebedeira (1934), que é unha oda a Valdeorras; Galicia Infinda (1963), un homenaxe a todas as tradicións deste territorio; e O soño do Guieiro (1986), un recoñecemento ao galeguismo político, sobre todo a Castelao. En 1981 publicou Cantarenas, a continuación do seu primeiro poemario.
Florencio Delgado Gurriarán morreu en California en 1987, a causa dunha cardiopatía. Ese día morreu o seu corpo, pero non cabe dúbida de que a súa poesía seguirá latindo.
Fontes:
http://asletrasdeflorencio.gal
A Voz de Galicia
BO NADAL!
Os nenos e nenas do noso centro participaron nos concursos de Postais de Nadal convocados tanto polo concello de Carballo como polo de Coristanco. E con algunhas das súas creacións queremos desexarvos a todos unhas moi felices festas e un próspero 2022.
MAGOSTO, CASTAÑAS E MOITO MÁIS
O Magosto é unha festa popular e tradicional galega que se organiza, como todos e todas sabedes, en torno á recollida de castañas.
Xuntarse arredor dunha lareira (cantos máis mellor), comer, beber, falar, cantar e bailar eran rituais imprescindibles da celebración. E dicimos “eran", porque a pandemia fixo que mudaran algunhas cousas, que estamos convencidos que han volver.
Adaptarse a novas circunstancias é parte da vida e do día a día, iso entendémolo, pero ter que celebrar estas datas especiais dun xeito diferente non significa que non se poida festexar. E en celebracións, neste cole, somos expertos.
Aquí vos deixamos unha pequena mostra do noso Magosto, no que sen dúbida houbo castañas e… moito máis.
AS PITAS BAIXO A CHOIVA
Como recordatorio a Ricardo Carvalho Calero, homenaxeado das Letras Galegas no ano 2020, desfrutamos dun teatro máxico sobre a súa obra “As pitas baixo a choiva”. QUE BEN O PASAMOS!
CELEBRAMOS O VALOR E A MAXIA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES
A biblioteca é, sen dúbida, o corazón do noso centro e un piar básico no que todos, alumnos e mestres, nos apoiamos algunha vez para aprender, descubrir, rir, compartir e, especialmente, medrar.
Quixemos celebrar o seu día lendo, LENDO en maiúsculas e así o fixemos. Graciñas a todo o alumnado do centro pola súa participación e entrega.
PARTICIPAMOS NO XX CONCURSO ESCOLAR DE TEATRO LIDO
Un ano máis, o noso alumnado animouse a participar no concurso escolar Teatro Lido “Xosé Manuel Eirís”, que vai xa pola súa XX edición.
Os nenos e nenas de 3º, 5º A, 5º B e 6º de Educación Primaria puxeron toda a súa ilusión e as súas ganas na tarefa e este esforzo viuse recompensado cun primeiro premio. Parabéns a todos eles e unha mención especial para os gañadores.
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)
Magosto 2024
Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...
-
Onte tivemos unha visita moi especial no noso colexio. Sabela Maneiro (cantante, compositora e integrante do grupo Tanxugueiras) veu a coñec...
-
O pasado día 15 de maio, pola tarde, celebramos as Letras Galegas no noso cole. Como ben dixemos na entrada anterior, este ano a autora home...
-
O pasado venres, 17 de novembro, os alumnos e alumnas de 5º e de 6º curso tiveron un Obradoiro de Regueifas, que nos ofreceu o Concello de C...