luns, 28 de abril de 2025

LETRAS GALEGAS 2025

No Día das Letras Galegas homenaxeamos as cantareiras e a poesía popular oral, personificadas en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Elas transmitiron a nosa lingua e cultura popular de xeración en xeración, coas cantigas e bailes.
A Real Academia Galega recoñece así o labor da recollida polas vilas e aldeas e do rexistro destas pezas para que non se esquezan. Exemplo: “Cancioneiro Popular Galego” de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
As cantareiras son as mulleres que interpretan cantigas da nosa música tradicional ou popular.
Adolfina e Rosa, tía e sobriña, traballaban no campo e andaban ao xornal. Ao rematar eses labores tocaban cantigas: xotas, muiñeiras, pasodobres...desde moi nenas animaron seráns coas súas pandeiretas e melodías que facían batendo nun prato cunha culler, unha tixola,...Iso todo sen saber ler nin escribir!
Eva Castiñeira naceu en Agranzón (Muxía 1926-), pero foi vivir á Coruña para traballar como empregada de fogar. De cativa cantaba nas festas, bailes e romarías. Converteuse na primeira pandeireteira en subir a un escenario folk co grupo Milladoiro. Formou parella artística co violinista, Florencio López, O Cego dos Vilares.
En Malpica de Bergantiños había cinco mulleres labregas ( Prudencia e Asunción de Beán, Manuela de Benita, Adela de Ghagha e Teresa a Canónigha) que traballaban as terras, coidaban o gando, atendían a casa e os fillos e formaron un grupo, As Pandeireteiras de Mens, (As Vellas de Mens). Aprenderon das súas nais, avoas e veciñas a cantar, tocar a pandeireta e a bailar. Facíano por divertirse cando remataban as faenas do campo (esfolla, milleira, sega,...), no muíño (muiñadas).
Comezaron a subir aos escenarios xa de maiores, pero acadaron moito éxito e actuaron por Europa e América tocando xunto á Agrupación Folklórica Aturuxo de A Coruña.
Grazas as cantareiras de toda Galicia, as cantigas populares chegaron aos nosos días cun galego enxebre e axudan a que o noso idioma continúe vivo e vizoso. Romarías, foliadas, seráns, ruadas, festas,...

Vou a dar a despedida, despedida vou dare,

vou a dar a despidida, e aghora vou acabare.




Día do Libro

O pasado mércores, 23 de abril, celebrouse o Día do Libro. Para conmemoralo, no noso cole o venres pola tarde fixemos apadriñamentos lectores. Os maiores léronlle ós máis pequenos. Pasámolo xenial viaxando a través dos contos!!

I Concurso escolar "Poesía do revés" do Concello de Carballo

O alumnado de varias aulas do noso cole participou no I Concurso escolar "Poesía do revés" do Concello de Carballo. Tivemos un premiado, na aula de 3º curso de Educación Primaria, Ían. Esta é a súa poesía. Noraboa!!

venres, 11 de abril de 2025

Día da Poesía

No noso cole celebramos dunrante unha semana o Día da Poesía. Os maiores e os pequenos xuntámonos para crear palabras preciosas, a partir dunha relacionada co noso PDI "A casa da aldea", e formar unha especie de flores con elas. Ensinámosvos algún exemplo. Quedaron moi coloridas!!

Celebración das Letras Galegas e premios do Certame do noso colexio

 O pasado 23 de maio celebramos as Letras Galegas no cole. O alumnado de 5º leu unha presentación sobre as cantareiras e a poesía popular or...