xoves, 25 de xuño de 2026

PRODUTO FINAL DO NOSO PDI "O CORPO EN HARMONÍA"

 O venres día 22 de maio, fixemos no cole como cada curso o produto final do noso PDI, este curso foi "O corpo en harmonía", e estivo relacionado coa saúde, o coñecemento do corpo así como as emocións e o benestar emocional.

Traballamos arreo para ter traballos ben xeitosos este día e que as familias viñeran a  pasar a mañá ao centro. Cada ciclo encargouse dunha parte relacionada co PDI, os sentidos, a alimentación saudable, o aparello locomotor ou o sistema nervioso entre outros aspectos, converténdonos así nuns verdadeiros expertos no noso corpo!


   

             



                                                                        
                                     


mércores, 24 de xuño de 2026

LETRAS GALEGAS 2026

 O venres 22 de maio celebramos no noso centro o Día das Letras Galegas, que este ano se lle adicaron á escritora Begoña Caamaño Rascado. 

Contamos este día tamén con "Teatro Migallas", que nos fixo cantar e bailar coas súas cancións e, xa por último, rematamos a xornada facendo a tradicional entrega de premios do "Ceratme Literario do centro", do cal este ano se celebraba a XXVIII edición.












mércores, 7 de xaneiro de 2026

ENREGUÉIFATE!

O venres 5 de decembro, o alumnado de 5º e de 6º curso de Educación Primaria asistiu a un Obradoiro de Regueifas, que nos ofreceu o Concello de Carballo dende o Servizo de Normalización Lingüística.

Contamos coa axuda de Lupe Blanco e Josinho da Teixeira para coñecer máis sobre as regueifas. Así, coa súa axuda, os/as alumnos/as fixeron as súas propias regueifas e divertíronse compartíndoas cos seus compañeiros/as.

Saíron propostas ben interesantes!!!






luns, 17 de novembro de 2025

MAGOSTO 2025

 

Ola familias!!

O venres 7 de novembro, celebramos o Magosto no cole. 

Fixemos unha chea de xogos divertidos, como dirixir a castaña, encestar castañas , tres en raia ou o xogo do pano.

Tamén, cos materiais de outono que trouxeron os nenos/as da casa (millo, piñas, follas, castañas...), fixemos un Land Art sobre o corpo humano relacionado co noso PDI deste curso "O corpo en harmonía". 

Por último, degustamos todos xuntos as castañas que trouxemos e nos asou Rosa na cociña.

Foi un día moi divertido!









venres, 6 de xuño de 2025

Celebración das Letras Galegas e premios do Certame do noso colexio

 O pasado 23 de maio celebramos as Letras Galegas no cole. O alumnado de 5º leu unha presentación sobre as cantareiras e a poesía popular oral, e, a continuación, tivemos unha actuación das pandeireiteiras da Escola do Alprende. Foi moi divertida, e aprendemos moito con elas.

A continuación, entregamos os premios do Certame Literario que facemos todos os anos no colexio.

Aquí vos deixamos algúns dos traballos premiados, e imaxes da celebración.

Que viva a nosa Lingua!!













luns, 28 de abril de 2025

LETRAS GALEGAS 2025

No Día das Letras Galegas homenaxeamos as cantareiras e a poesía popular oral, personificadas en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños). Elas transmitiron a nosa lingua e cultura popular de xeración en xeración, coas cantigas e bailes.
A Real Academia Galega recoñece así o labor da recollida polas vilas e aldeas e do rexistro destas pezas para que non se esquezan. Exemplo: “Cancioneiro Popular Galego” de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina.
As cantareiras son as mulleres que interpretan cantigas da nosa música tradicional ou popular.
Adolfina e Rosa, tía e sobriña, traballaban no campo e andaban ao xornal. Ao rematar eses labores tocaban cantigas: xotas, muiñeiras, pasodobres...desde moi nenas animaron seráns coas súas pandeiretas e melodías que facían batendo nun prato cunha culler, unha tixola,...Iso todo sen saber ler nin escribir!
Eva Castiñeira naceu en Agranzón (Muxía 1926-), pero foi vivir á Coruña para traballar como empregada de fogar. De cativa cantaba nas festas, bailes e romarías. Converteuse na primeira pandeireteira en subir a un escenario folk co grupo Milladoiro. Formou parella artística co violinista, Florencio López, O Cego dos Vilares.
En Malpica de Bergantiños había cinco mulleres labregas ( Prudencia e Asunción de Beán, Manuela de Benita, Adela de Ghagha e Teresa a Canónigha) que traballaban as terras, coidaban o gando, atendían a casa e os fillos e formaron un grupo, As Pandeireteiras de Mens, (As Vellas de Mens). Aprenderon das súas nais, avoas e veciñas a cantar, tocar a pandeireta e a bailar. Facíano por divertirse cando remataban as faenas do campo (esfolla, milleira, sega,...), no muíño (muiñadas).
Comezaron a subir aos escenarios xa de maiores, pero acadaron moito éxito e actuaron por Europa e América tocando xunto á Agrupación Folklórica Aturuxo de A Coruña.
Grazas as cantareiras de toda Galicia, as cantigas populares chegaron aos nosos días cun galego enxebre e axudan a que o noso idioma continúe vivo e vizoso. Romarías, foliadas, seráns, ruadas, festas,...

Vou a dar a despedida, despedida vou dare,

vou a dar a despidida, e aghora vou acabare.




Día do Libro

O pasado mércores, 23 de abril, celebrouse o Día do Libro. Para conmemoralo, no noso cole o venres pola tarde fixemos apadriñamentos lectores. Os maiores léronlle ós máis pequenos. Pasámolo xenial viaxando a través dos contos!!

I Concurso escolar "Poesía do revés" do Concello de Carballo

O alumnado de varias aulas do noso cole participou no I Concurso escolar "Poesía do revés" do Concello de Carballo. Tivemos un premiado, na aula de 3º curso de Educación Primaria, Ían. Esta é a súa poesía. Noraboa!!

venres, 11 de abril de 2025

Día da Poesía

No noso cole celebramos dunrante unha semana o Día da Poesía. Os maiores e os pequenos xuntámonos para crear palabras preciosas, a partir dunha relacionada co noso PDI "A casa da aldea", e formar unha especie de flores con elas. Ensinámosvos algún exemplo. Quedaron moi coloridas!!

luns, 24 de febreiro de 2025

Día de Rosalía de Castro

O 23 de febreiro celébrase o día da nosa grande Rosalía. Nas nosas aulas traballamos a súa vida e a súa obra, así como o poema "Miña casiña, meu lar", que fala do caldo de gloria tan ben querido na nosa terra, e tan relacionado co noso PDI "A casa da aldea". O venres pasado houbo caldo no comedor, en honor a Rosalía.

venres, 21 de febreiro de 2025

Sementar e recoller

No noso cole tamén aprendemos a plantar e recolectar. Grazas a Mercedes, aprendemos moito sobre cando se debe sementar nas nosas hortas. Con ela sementamos e recollimos grelos. Aínda que este ano non saíron tan ben como esperabamos, seguro que no curso que vén teremos grelos moi grandes e saborosos!!

luns, 27 de xaneiro de 2025

A importancia do sector primario

O alumnado de 4º curso de Educación Primaria realizou unha actividade, xunto coas súas familias, sobre a importancia do sector primario.
Fixeron maquetas sobre a elaboración de determinados alimentos, e expuxérono.
O resultado foi impresionante.

Contacontos

Uns días atrás, grazas ao concello de Coristanco, recibimos no noso colexio á contacontos Raquel Queizás.
Co seu espectáculo cantamos, rimos... pasámolo xenial!!

Enreguéifate!

Hai uns días, o alumnado de 5º e de 6º curso de Educación Primaria asistiu a un Obradoiro de Regueifas, que nos ofreceu o Concello de Carballo dende o Servizo de Normalización Lingüística.
Lupe Blanco e Josinho da Teixeira ensináronnos esta arte tan enriquecedora da nosa zona. Os/as alumnos/as fixeron as súas propias regueifas e divertíronse ó mostrarllas ós/ás demais compañeiros/as.
Que sorte tivemos de que nos visitaran estes profesionais!!

Tradicións familiares do Nadal nas nosas aldeas!!

Aquí vos deixamos o resultado dos traballos que moitos/as alumnos/as realizaron coas nosas familias en Nadal.
Contamos as tradicións familiares destes días tan especiais.

xoves, 14 de novembro de 2024

Magosto 2024

Ola familias!!
Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro.
Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con elementos do outono que troixemos das nosas casas. A temática destas figuras do Land Art eran as casas da aldea, xa que este ano o Proxecto Documental Integrado do centro leva ese nome.
Despois, comemos as castañas que troixemos e que Rosa nos preparou na cociña.
Velaquí vos deixamos algunhas imaxes deste día.

PRODUTO FINAL DO NOSO PDI "O CORPO EN HARMONÍA"

 O venres día 22 de maio, fixemos no cole como cada curso o produto final do noso PDI, este curso foi "O corpo en harmonía", e est...