Lagoa de Alcaián ( Coristanco)
Esta lenda recolleuse en Mira ( Coristanco), neste curso 17/18, e relátaa unha señora de oitenta e seis anos, advertindo que non se acorda ben.
“Un día foi pedir limosna noso señor e máis San Xoán a un pueblo e non lle deron limosna e encirránronlle os cans. Daquela noso señor díxolle a San Xoán: “ Nesta vila anoitecerá pero non amanecerá”. E así foi. No Campelo déronlle limosna e por iso non se afundiu.
Por San Xoán decían que se oían cantar os galos e que tendían roupa. Agora é unha lagoa”.
Onde hoxe vemos este eucaliptal, había unha lagoa, según contan veciños de Seavia, que teñen uns sesenta anos. Unha señora recorda que cando ela era nena, e ían coas vacas, parecíalle que aquelo era un mar, e algúns ían cazar parrulos.
Nestas braña, houbo explotacións mineiras e máis tarde forestais, desecándose a lagoa.
Hai moitas variantes desta lenda. Así Fernández Carrera recolle:
"Cando Xesucristo e San Pedro andaban de esmoleiros, foron pedir pousada á vila de Alcaián e non llela quixeron dar. Andaron preguntando en moitas casas e en todas lles negaron acollida e encirráronlle os cans.
Nisto dixo Xesucristo:
Adeus vila de Alcaián
que me encirraches os cans.
Te afundirás
e nunca arriba volverás.
E así foi, afundiuse. "
Ningún comentario:
Publicar un comentario