sábado, 9 de decembro de 2017

Coñecemos lendas

pedra arca 1

Pedra da Arca ( Cerqueda, Malpica)

A pedra da Arca, localízase na parroquia de Cerqueda (Malpica), nun monte que se limpou recentemente,  polo que o monumento é doado de encontrar.  Trátase dun dolmen de corredor, con máis de cinco mil anos.  A cámara é poligonal e o corredor oriéntase cara o leste. A laxe superior , que pesaría unhas quince toneladas, está partida  e inclinada sobre a cámara. Aínda se pode observar  o lugar onde se colocou o barreno para rompela.


Consérvanse restos da gran mámoa que o cubría.  Fronte a este dolmen, hai outra mámoa de grandes dimensións.


Conta a lenda que as pedras que forman este dolmen foron carrexadas por unha moura que  viña voando,  levando as pedras na cabeza, mentres fiaba e daba o peito a un neniño.

venres, 8 de decembro de 2017

RECOLLEMOS LENDAS

MOA ZAPATEIRO


SDC10042

As  medoñas ou mámoas son túmulos  característicos do período Neolítico ( poden ter maís de 5000 anos) , dos que hai centos en Galicia. Veñen a ser amoreamentos artificiais de terra e pedras, de foma circular ou algo ovada, que eran utilizados como enterramentos por estas sociedades.  Normalmente, no seu interior  encóntranse un dolmen ou algunhas antas. No centro desta pequena elevación, hai unha fondeira que se coñece como cono de violación. Isto débese a que houbo escavacións ( xa desde hai varios séculos), buscando ouro e outros tesouros que crían que había no seu interior. Tamén se facían por aproveitar as pedras para a construción.


Ás veces estas medoñas son perfectamente visibles desde os camiños, recortándose como unha pequena elevación no terreo. Este é o caso da “moa zapateiro”, en Vilar ( Couso, Coristanco).


Sobre ela conta unha señora do Vilar, de 98 anos que “disque alí había un zapateiro que compoñía zapatos”


Cando ela era nena, a rapazada que  ías coas vacas para o monte, abrigábanse no burato do interior da medoña.

RECOLLEMOS LENDAS

Lagoa de Alcaián ( Coristanco)


P1180156

Esta lenda recolleuse en Mira ( Coristanco), neste curso 17/18, e relátaa unha señora de oitenta e seis anos, advertindo que non se acorda ben.

Un día foi pedir limosna noso señor e máis San Xoán a un pueblo e non lle deron limosna e encirránronlle os cans. Daquela noso señor díxolle a San Xoán: “ Nesta vila anoitecerá pero non amanecerá”. E así foi. No Campelo déronlle limosna e por iso non se afundiu.

Por San Xoán decían que se oían cantar os galos e que tendían roupa. Agora é unha lagoa”.

Onde hoxe vemos este eucaliptal, había unha lagoa,  según contan veciños de Seavia, que teñen uns sesenta anos. Unha señora recorda que cando ela era nena, e ían coas vacas, parecíalle que aquelo era un mar, e algúns ían cazar parrulos.

Nestas braña, houbo explotacións mineiras e máis tarde forestais, desecándose a lagoa.

Hai moitas variantes desta lenda. Así Fernández Carrera recolle:

"Cando Xesucristo e San Pedro andaban de esmoleiros, foron pedir pousada á vila de Alcaián e non llela quixeron dar. Andaron preguntando en moitas casas e en todas lles negaron acollida e encirráronlle os cans.

Nisto dixo Xesucristo:

Adeus vila de Alcaián

que me encirraches os cans.

Te afundirás

e nunca arriba volverás.

E así foi, afundiuse. "

RECOLLEMOS LENDAS

Pedralonga (Tordoia)


pedralonga

Cóntase que o día de San Xoán, antes de raiar o sol, anda unha galiña con pitos de arredor destas pedras.

Unha señora da zona comentou o seguinte: “ Para ir ao muíño eu tiña que pasar por estas pedras, e díxenlle a miña nai que o día de San Xoán,  ben cedo, me mandara á aceña  moer o millo,  para poder ver a galiña. Fun, pero non a vin”.

( Recollida este curso 17/18 pola coordinadora do EDLG)

Magosto 2024

Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...