martes, 3 de abril de 2018

"DE LENDA"

EXCURSIÓN A “LUGARES DE LENDA”

Panoramica Neme.jpg

 

O alumnado e  mestres de 1º, 2º, 3º e 4º  realizamos un percorrido por varios lugares de Bergantiños que están relacionados con lendas. Repartímonos en dous grupos. No primeiro autobús viaxamos 3º, 4º e 2º B, sendo o guía Xan Fernández Carrera,  autor de Lendas da Costa da Morte. No segundo autobús ían 1º e 2ºA, guiados por Evaristo Domínguez Rial, que escribiu Coristanco e as súas parroquias.


A nosa primeira parada foi no Monte Neme. O día estaba espléndido, unha rareza despois de tanta chuvia como caeu nesta tempada.


meigas soas

 A nosa sorpresa foi maiúscula cando na “eira das meigas” nos apareceron tres meigas con caldeiros e culleróns remexendo non sabemos que e recitando un esconxuro. Contáronnos que levaban toda a noite alí para escorrentar a brétema. Disque eran meigas das boas.


 Colocámonos todos en círculo e os nosos expertos guías explicáronnos a importancia deste monte durante a II Guerra Mundial  coa produción de wolfram  e contáronnos a lenda da eira das meigas.


nenos e meigas

Subimos monte arriba ata as numerosas antenas que o coroan. Aquí fixemos un pequeño exercicio de orientación. Puidemos ver as illas Sisargas, os aeroxeradores de Punta Nariga, os de pico de Meda , os de Fontesilva, Monte Castelo…  Tamén se podía albiscar  o fume da fábrica UNEMSA, que está pretiño do noso colexio.  Tamén se ve, máis cerca, Carballo, o polígono de Bértoa e a lagoa de Baldaio. Na lonxanía, cara o Norte, vemos tamén o porto exterior.


As Sisargas

A 2º parada foi na Pedra da Arca, en Cerqueda ( Malpica), un dolmen  do que a lenda conta que foi construído por unha moura  que carrexaba as grandes pedras sobre a súa cabeza , ao mesmo tempo que aleitaba un neno e fiaba na roca.


Pedra da Arca

A 3º parada fixémola na Casa do Pescador, en Malpica, onde puidemos contemplar os cadros de Lugrís. Nun deles pintou unha especie de balea. Xan Fernández contounos que Malpica foi un importante porto pesqueiro e que noutros tempos,  cazábase tamén este cetáceo.

Noutro observáse unha praia e ao fondo,  as Illas Sisargas e a capela de Santo Hadrián, a onde nos diriximos nós xa na última visita desta excursión.

na casa do pescador

Tamén puidemos contemplar as Illas Sisargas ben de preto: Sisarga Grande, Malante e Chica.

mirando as illas

A última parada foi na capela de Santo Hadrián e na súa fonte. Aquí  os nosos guías contáronnos a lenda da gran serpe que pisou o santo e visitamos tamén a fonte. As súas augas seique curan as espunllas. Hai que lavar as mans na fonte e secalas cun pano de tea. Este hai que deixalo a  secar colgado nun salgueiro que hai a beira da fonte. Segundo o pano se vaia secando , tamén van desaparecendo as espunllas.


fonte

Xantamos todos xuntos no adro da capela e retratámonos todos xuntiños.

Que gran día!

todos en Santo Hadrián

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Magosto 2024

Ola familias!! Este ano celebramos o Magosto o venres, día 8 de novembro. Xogamos a diversos xogos tradicionais e fixemos figuras con el...